Vaia caprichos ten o calendario! Mentres estamos asimilando a noticia de que Donald Trump rexeita o acordo climático de París, hoxe celebramos o Día Mundial do Medio Ambiente.
Unha xornada para reflexionar sobre a inxente cantidade de desperdicios -papeis, plásticos, envases, aluminio, aceites- que xeramos nos nosos fogares e que -para unha familia do terceiro mundo– sería case un tesouro. O que darían por poder acceder á décima parte do “Produto Interior Bruto” que posúe tanto envoltorio (a maior parte das veces innecesario).
Ó fio disto, as charlas que para conmemorar a data proliferan nos centros educativos, conciencian adecuadamente ós máis cativos sobre a urxencia dun cambio no estilo de vida. Nembargantes, á maior parte dos país e nais seguelles soando a chinés… a moitos incluso lles parecen inútiles e inconsecuentes.
Para nós, é evidente que as charlas non bastan. As palabras lévaas o vento. Necesitamos exemplos, compromisos e accións que demostren o noso desexo de reverter a situación.
Poñamos na mesma bolsa a mazá, a pera, a banana! Si, por favor! E deixemos de “envaiñar” unhas luvas para non contaminar unha froita que en realidade está impregnada de substancias antinaturais que a conservan eternamente. Para empezar, por exemplo.
Reducir, reutilizar e reciclar… esa é a cuestión. E moi feliz día, Mundo.