Desde a infancia, e sobre todo durante a adolescencia, o sistema prepáranos para que a competitividade forme parte da nosa vida, vinculando case sempre o éxito persoal ó poder económico ou, no seu defecto, á frecuencia de aparición na “caixa tonta” ou nas redes sociais.
Medramos asimilando a “obriga” de someternos á encomiable tarefa de gañarmos máis e máis cartos, ben para dedicalos ó consumo constante de necesidades impostas (de verdade precisamos outro par de zapatos?), ben para o aforro sistemático que -nun futuro- nos permitirá satisfacer de novo o voraz apetito de posesión. E así aterrizamos na xuventude e no primeiro emprego ou primeiro negocio.
Cun pouco de sorte, despois de deixarnos a pel no intento, superamos a ofuscación por conseguirmos o ansiado e irreal estatus social e “espertamos”. Baixo a influencia dunha caduca rebeldía adolescente, créndonos máis listos que o resto dos mortais, cambiamos o rumbo da nosa existencia e comprendemos que o tempo tamén se compra.
Habituámonos a vivir co xusto a cambio de estar en paz con nós mesmos, até que de repente, zasca! Un imprevisto fai saltar polos aires a nosa economía e con ela o noso actual “modus operandi”. As dúbidas e a nostalxia de tempos mellores arrasan con todo, xusto no peor momento: cando nos toca educar en valores ós nosos fillos. Nós? Pero se pode que no fondo non sexamos máis que novos ricos!
Dan ganas de botar a correr. Mais aguantando a embestida con enteireza reafirmaremos a nosa decisión e ofreceremos ós nenos e nenas un exemplo de pundonor que lles será muy útil na súa vida adulta. Ó fin e ó cabo, nin a ciencia sabe o que vale o tempo!